Do 15M como acontecemento.

Antón Fernández de Rota

 

[Descargar en español aquí]

Desde o punto de vista da filosofía da innovación, aquilo que se prepara nun lugar pautado, en determinadas circunstancias coñecidas e protocolarias, entre altos mandatarios ou estrelas de cinema, co fin de ofrecer unha noticia aos media, xamais pode ser chamado acontecemento. En si e de seu, tampouco o serían os actos fundacionais e convocatorias do blog/campaña Non Lles Votes ou Democracia Real Xa, e outras coordinadoras e redes como Mocidade Sen Futuro ou Estado de Malestar, ou antes V de Vivenda e as plataformas de Afectados pola Hipoteca, por moi relevantes que en efecto fosen. Para precisar o significado de tan esquivo concepto, Gilles Deleuze recorría a Joë Bousquet, escritor surrealista ao cal unha bala do exército alemán esnaquizáralle a columna vertebral en 1918. Unha confesión: “A miña ferida existía antes que eu; eu nacín para encarnala”. Aquí, nacer sería o propiamente acontecimental sendo a ferida o detonante, a predestinación a encarnala o seu obxecto, e o eu que nace deste encontro a súa efectuación e consecuencia. Outro exemplo: alguén entra nunha habitación ocupada por algún outro que non o espera. Ao entrar non somos máis que “unha variedade atmosférica, unha molécula imperceptible, unha brétema ou orballo” ― antes de ser recoñecidos como persoas ou suxeitos ― no entanto, na nova composición dos corpos que devén ao entrar, xa todo cambiou: é imposible vivir o espazo da mesma maneira.

Unha imaxe do 15M. Un mozo tapa o seu rostro coa careta de V de Vendetta, feita súa por Anonymous. Leva unha pancarta escrita en inglés: Nobody Expects the #spanishrevolution. A foto percorreu o planeta. Un chamamento noutra parte da manifestación: Peoples of Europe, Rise Up! O humor e o transnacionalismo foron decisivos. O 15M non aconteceu ata que a Porta de Sol deveu Qasba e Tahrir. O acontecemento replicouse cando Atenas fíxose afectar por Madrid, entón os movementos gregos entraron nun novo ciclo traducindo creativamente a toma de Sol ao presentarse na Sintagma para cercar ao goberno; diferenza e repetición: pouco despois en Barcelona foron polo Parlament. E a vertente xocosa do acontecemento cando Intereconomía preparou unha montaxe cun falso activista na Praza Catalunya: unha avalancha de risotadas ante as cámaras e inmediatamente despois en Internet obrigaron á dereita a ruborizarse de ira, botando leña á caldeira do xúbilo colectivo.

A mencionada pancarta non é menos mordaz ou viaxeira. Fai alusión á firma coa que os hacktivistas finalizan os seus comunicados: “We are Anonymous. We are Legion. We don’t forget. We don’t Forgive. Expect us“. Pero é tamén unha alusión directa ao sketch dos Monty Python, que á súa vez ― ao berro Nobody Expects the Spanish Inquisition! ― mofábase dunha frase feita británica, homóloga á nosa “coa Igrexa topamos” se non fose porque identifica o fanatismo e a barbarie fóra de casa, concretamente no Sur europeo. Non deixa de ser gracioso que a careta de V represente a Guy Fawkes, quen en 1605 quixo voar polo aire o parlamento inglés polas persecucións sufridas entón polos católicos, e cuxa efixie aínda é queimada hoxe durante a patriótica Bonfire Night. Este complexo xogo humorístico de referencias cruzadas bota por terra unha das liñas mestras da estratexia estadounidense de externalización da súa crise, así como revela ou actualiza todo un mundo e espectro político até agora nas marxes.

Vexamos. No 2008 os grandes bancos de investimento estadounidenses esborrállanse. Obama reacciona. Ao rescate da banca con diñeiro dos contribuíntes séguelle unha pugna no mercado de divisas para aumentar a competitividade das exportacións, que desemboca nun conflito con China que non pode gañar. Entón esixe ao seu principal aliado a responsabilidade solidaria na crise. Comeza a campaña. As grandes cadeas mediáticas importan o acrónimo co que o ultradereita Centro e Norteuropea viñase referindo aos países do Sur: P.I.G.S. Wall Street reevalúa as débedas nacionais e as predicións de crecemento. Moitos o consideran unha declaración de guerra económica encuberta dos USA á UE. Divide et impera. A Alemaña de Merkel decide replegarse para salvar os intereses nacionais. A “G” cae, despois a “P”, a “S” e unha das dúas “I”, mentres Berlusconi fai equilibrios.

Todo comezou cunha vella cantilena imperialista: a da corrupción, termo que inevitablemente resoa cos de atraso, tercermundismo e falta de democracia. Ao parecer, ela, a corrupción, era a culpable de que en Grecia non desen as contas. Cando estalaron as revoltas tunisianas empregouse un discurso parecido para reforzar certa fronteira: as súas revolucións árabes dábanse no pasado. Loitaban contra ditaduras corruptas por chegar até o presente das nosas democracias. Esta mentira veu abaixo cando os manifestantes chegaron a Sol con tendas de campaña e bandeiras exipcias reclamando unha democracia real, porque esta non o era. Agora había que seguir rompendo as fronteiras latitud e lonxitudinales. A cidade que viu nacer a democracia comprendeu a mensaxe; dos muros da acrópole ateniense despregáronse teas que facían eco: Peoples of Europe Rise Up!

Claro que, se atendemos as verbas, algo moi distinto ocorre cando na GZ, Euskadi ou Catalunya falase dunha #SpanishRevolution. Carod Rovira colleuse un gran enfado. O certo é que, aínda que en todas as acampadas e asembleas participan militantes de organizacións esquerdistas ― marxistas e indepes, ácratas e okupas ― todos eles chegaron tarde, a miúdo incapaces de comprender o que estaba a ocorrer. Os menos listos viñeron para adoutrinar, pero estaban en minoría. Quen tomaron as prazas tiñan un desexo irrefreable de pór ao descuberto un mundo do cal sabíase da súa existencia pero que até agora non recibira carta política. Baixaron da rede cun sen fin de alusións á historia oculta de Islandia, non a dos televisivos volcáns en erupción senón a que circulou na blogosfera: Islandia, un país que negaouse a rescatar aos bancos, que encarcerara a varios altos executivos, que nacionalizou a principal entidade financeira, que en referendum rexeitou pagar a débeda e que reescribía a súa Constitución vía TICs. Esta outra Islandia simbolizaba a existencia destas poboacións sen carnet que agora pasaban a liderar os termos da experimentación política converténdose na súa maior potencia. Non sen razón os esquerdistas queixáronse da falta de sensibilidade que a miúdo mostraron cara certos temas para eles importantes (a lingua é só un deles), pero quedar nisto sería deixar escapar o acontecemento.

Coa mirada no 15 de outubro, hoxe xa é posible imaxinar saltar por encima dos sindicatos para forzar folgas xerais ou organizar referendums populares a partir das redes. Hoxe é ao fin posible pensar a maneira de non ter que resignarse á alternativa entre un radicalismo de ghetto e un descafeinado xiro ao centro. Hoxe somos testemuñas dunha nova onda global de democratización que comeza a desexar estar en todas partes e golpear en todos os niveis da existencia. O que vaia a ser a democracia e a esquerda a partir de hoxe é impredicible, pero xamais será como antes. O 15M é un acontecemento, quen pronto chegará ao goberno do Estado Español ben o sabe. Así como na resaca do 1968, os conservadores queren advertirnos sobre os perigos dun “exceso de democracia”. Demasiada democracia non se pode aturar: levada ao extremo, resulta imposible de conciliar cos principios do capitalismo e da representación liberal. O movemento responde cunha gargallada ambigua: “sexamos imposibles, pidamos realismo”.

______________

* Texto publicado na revista de pensamento Tempos Novos, xullo do 2011, Nº 170, páxinas 86 e 87.

Advertisements

One thought on “Do 15M como acontecemento.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

Blog en WordPress.com.

%d bloggers like this: